Termos e condicións de Google Pay
TERMOS E CONDICIÓNS DE ABANCA PARA O SERVIZO “GOOGLE PAY”
1. Que é "Google Pay" e como funciona
"Google Pay" é unha aplicación que ABANCA Corporación Bancaria, S.A. (ABANCA) pon ao dispor dos seus clientes para que poidan pagar as compras presenciais e non presenciais coas súas tarxetas ABANCA, utilizando o seu dispositivo compatible. Esta aplicación almacena os datos que previamente Vde. introduciu das súas tarxetas, ao incorporar ou "enrolar" as súas tarxetas no dispositivo.
O uso das súas tarxetas de ABANCA en "Google Pay" está suxeito aos presentes termos e condicións de ABANCA, así como aos termos e condicións de Google e de "Google Pay" e á política de privacidade de Google, que debe Vde. aceptar. Así mesmo, para poder utilizar "Google Pay", pode cumprir que acepte os termos e condicións de terceiros provedores que lle presten os seus servizos á plataforma "Google Pay" ou integrados nela, e a súa política de privacidade.
ABANCA non pode exercer ningún control sobre as decisións de Google de cambiar os termos e condicións e a política de privacidade de Google relacionados con "Google Pay" ou con calquera dos seus servizos ou plataformas.
Debe ter en conta que a incorporación das súas tarxetas ABANCA nos dispositivos compatibles non constitúe a emisión de ningunha nova tarxeta, polo que o uso das súas tarxetas ABANCA que realice cos dispositivos compatibles, que segue sendo un servizo de pagamento prestado por ABANCA, segue estando suxeito ás condicións dos contratos de tarxeta subscritos entre Vde. e ABANCA, que Vde. se compromete a cumprir.
Por iso, debe ter en conta que os presentes termos e condicións non modifican nin substitúen as condicións xerais e particulares dos contratos de tarxeta que Vde. teña subscritos con ABANCA, non modifican os límites dos importes das tarxetas nin tampouco a modalidade de pagamento vixente en cada momento para cada unha das tarxetas ABANCA. Con todo, no caso de conflito entre os presentes termos e condicións e as condicións xerais ou particulares das súas tarxetas de ABANCA, prevalecerá o sinalado nos presentes termos e condicións.
Listaxe de tarxetas ABANCA non admitidas en "Google Pay":
- Tarxetas Visa Prepagamento
- Tarxeta Comercio
- Tarxeta Gasóleo Bonificado
- Tarxeta Só Ingresos
- Tarxetas Cooperativas
ABANCA conservará a facultade de modificar as tarxetas habilitadas para usar a través de "Google Pay", e no caso de modificación informarao diso.
2. Custo do servizo "Google Pay"
ABANCA non cobrará ningún tipo de cargo adicional, diferente ao propio das tarxetas ABANCA, polo seu uso a través de "Google Pay".
Con todo, os termos e condicións de terceiros poden supor cargos, limitacións e restricións que puidesen chegar a afectar o uso da súa tarxeta no seu dispositivo compatible, tales como cargos polo uso de datos móbiles ou mensaxes de texto por parte do seu provedor de servizos de rede.
3. Uso de "Google Pay" e autorización das operacións de pagamento
-
Para operacións presenciais (comercios, caixeiros automáticos e máquinas de venda automática que sexan compatibles coa tecnoloxía NFC, Near Field Communication): para iniciar a operación cómpre que o dispositivo compatible teña activada a tecnoloxía NFC. Vde. debe acceder á aplicación "Google Pay" a través do seu dispositivo compatible, escoller nesta aplicación a tarxeta de ABANCA coa que desexe pagar e achegar o seu dispositivo compatible ao TPV do comercio (ou dispositivo equivalente, no caso de caixeiros e máquinas de venda automática), que deberá ser contactless. A operación de pagamento iniciarase sen que cumpra realizar ningunha acción adicional, polo que debe verificar a exactitude dos datos da operación antes de achegar o seu dispositivo compatible ao TPV (ou dispositivo equivalente). Con todo, nos casos en que cumpra a aplicación de autenticación reforzada deberá facilitar os factores de autenticación que se lle soliciten, consonte o previsto en cada momento nos contratos de tarxeta que ten subscritos con ABANCA. Para acceder e usar a aplicación "Google Pay" a través do seu dispositivo compatible, deberá seguir as instrucións que en cada momento se establezan e, de ser o caso, introducir os datos biométricos (p.e. impresión dixital, recoñecemento facial) que lle solicite o dispositivo compatible. Unha vez realizados estes pasos, a operación de pagamento entenderase consentida.
-
Para operacións non presenciais: Vde. debe escoller "Google Pay" entre as opcións de pagamento que lle mostre a páxina web do comercio no que vaia pagar a compra que quere realizar desde o seu dispositivo compatible. A seguir, deberá seleccionar a tarxeta de ABANCA coa que desexe pagar e seguir as indicacións que en cada caso se establezan e, de ser o caso, introducir os datos biométricos (p.e. impresión dixital, recoñecemento facial) que lle solicite o dispositivo compatible. Unha vez realizados estes pasos, a operación de pagamento entenderase consentida.
Desde o momento en que prestara o seu consentimento segundo o indicado nos parágrafos anteriores, a operación de pagamento considerarase autorizada e polo tanto non será revogable.
A creación de datos biométricos nos seus dispositivos compatibles a prol de terceiras persoas para o desbloqueo do dispositivo compatible tamén lles permite a eses terceiros realizar pagamentos coas súas tarxetas ABANCA a través dese dispositivo. Estes pagamentos serán válidos, autorizados e, polo tanto, non revogables por ese motivo.
4. Alta do cliente en "Google Pay" para ABANCA e selección de tarxetas ABANCA
Poden darse de alta en "Google Pay" os clientes persoas físicas que dispoñan dun dispositivo compatible cuxa versión sexa compatible con esta aplicación, aceptaran os termos e condicións e política de privacidade de Google, e dispoñan dunha versión actualizada da aplicación "Google Pay" utilizada para estes efectos.
Vde. debe acceder á aplicación "Google Pay" dispoñible no seu dispositivo compatible e introducir neste os datos solicitados da tarxeta de ABANCA que desexe dar de alta (número completo de tarxeta, data de vencemento e CVV -ou equivalente-, así como aquela información adicional que Google poida razoablemente solicitar). Poderá introducir estes datos ben manualmente (por exemplo, tecleándoa ou tirándolle unha fotografía á tarxeta), facilitando o acceso aos datos das súas tarxetas que Google xa tivese almacenados, ou a través de calquera outro medio que se poida poñer ao dispor do cliente. Posteriormente, deberá aceptar os presentes termos e condicións de ABANCA.
A seguir e para garantir a súa identidade e o seu consentimento, deberá introducir no dispositivo compatible os factores de autenticación que en cada caso se requiran, consonte o establecido en cada momento nos contratos de tarxeta que ten subscritos con ABANCA.
5. Baixa das súas tarxetas de ABANCA en "Google Pay"
Vde. poderá dar de baixa as tarxetas de ABANCA de "Google Pay" en calquera momento e con efectos inmediatos, sen prexuízo da liquidación e cargo das operacións que estivesen pendentes, que se liquidarán e cargarán segundo o acordado nos respectivos contratos de tarxeta que Vde. teña subscritos con ABANCA.
Este proceso poderase realizar na propia aplicación "Google Pay" ou chamando ao call center de ABANCA no número de teléfono 981910522.
6. Duración do servizo "Google Pay"
ABANCA prestará o servizo de pagamento a través de "Google Pay" con carácter indefinido.
Con todo, ABANCA poderá suspender ou cancelar a prestación do servizo "Google Pay" comunicándollo a Vde. con dous meses de antelación. Así mesmo ABANCA deixará de prestar o servizo no caso de que Google, como provedor de ABANCA para a plataforma "Google Pay", deixe por calquera motivo de lle prestar o seu servizo a ABANCA.
7. Conservación e custodia
Vde. ten o deber de conservar e custodiar as súas tarxetas ABANCA debidamente, tendo en conta que estas son persoais e intransferibles, e que os datos das tarxetas que introduce no dispositivo compatible se almacenan neste. Deberá manter en segredo calquera código que permita operar en "Google Pay", debendo tomar cantas precaucións sexan necesarias para garantir a seguridade das súas tarxetas, especialmente a de non anotar no dispositivo compatible, nin en ningún documento que transporte Vde. ao seu carón, ningún código persoal asignado para "Google Pay" para evitar o seu uso fraudulento no caso de extravío, subtracción ou apropiación indebida.
En calquera caso, ABANCA non se fai responsable dos datos almacenados no seu dispositivo compatible.
8. Extravío, subtracción ou apropiación indebida do dispositivo compatible
Ante o extravío, subtracción ou apropiación indebida do dispositivo compatible, ou da súa utilización non autorizada por Vde., serán de aplicación as mesmas condicións previstas nos contratos de tarxeta que ten subscritos con ABANCA, respecto das tarxetas de ABANCA que dera de alta na aplicación "Google Pay".
Vde. deberalle comunicar esta circunstancia a ABANCA sen demora indebida en canto teña coñecemento diso, a través de calquera das canles habilitadas para tal fin. Lembrámoslle que o poderá facer a través do teléfono 981910522.
Vde. tamén deberá comunicar a falsificación ou calquera violación de seguridade do dispositivo compatible ou o coñecemento por terceiros, contra a súa vontade, dos códigos que permitan operar en "Google Pay".
A comunicación por Vde. destas circunstancias á operadora de telefonía móbil, a Google ou ao vendedor do dispositivo compatible non é abondo.
9. Bloqueo das tarxetas ABANCA
ABANCA poderá bloquear as tarxetas cuxos datos se almacenaron nos dispositivos compatibles, no caso de que existan razóns obxectivamente xustificadas relacionadas coa súa seguridade, sospeita de utilización non autorizada ou fraudulenta ou, no caso de que estea asociada a unha liña de crédito, un aumento significativo do risco de que Vde. poida ser incapaz de lle facer fronte á súa obriga de pagamento.
ABANCA deberá comunicar este bloqueo, se é posible, antes de ser efectivo, e de non resultar posible, inmediatamente despois deste, a menos que tal información resulte comprometida por razóns de seguridade obxectivamente xustificadas ou fose contraria a calquera outra disposición normativa. ABANCA desbloqueará as tarxetas unha vez deixen de existir os motivos para bloquear a súa utilización, sen ningún custo para Vde. O anterior entenderase sen prexuízo do seu dereito a solicitar o desbloqueo en tales circunstancias, nos termos previstos nos termos e condicións dos contratos de tarxeta que teña subscritos con ABANCA.
10. Responsabilidade
Google INC. é quen prové a ABANCA a plataforma de pagamento "Google Pay", entendendo como tal o software, a tecnoloxía e demais elementos tanxibles e intanxibles que a conforman, mentres que ABANCA só presta o servizo de pagamento.
Google INC. é o único responsable do correcto funcionamento da plataforma, polo que ABANCA non será responsable en modo ningún por ningunha circunstancia que orixine unha interrupción, impida ou afecte dalgún modo o funcionamento da tarxeta ABANCA, tales como a falta de dispoñibilidade de "Google Pay" ou o seu servizo de comunicacións sen fío, atrasos na rede, limitacións de cobertura sen fío, interrupcións do sistema ou a interrupción dunha conexión sen fío.
Polo tanto, Vde. coñece e acepta que ABANCA depende total e exclusivamente de Google INC. e do procesador das operacións que se realizan a través da plataforma "Google Pay", para lles poder prestar o servizo "Google Pay" aos seus clientes titulares de tarxetas ABANCA. Por esta razón, ABANCA pode verse obrigada en calquera momento a ampliar, reducir ou suspender as operacións de pagamento a través do servizo "Google Pay" ou cambiar calquera proceso.
Así mesmo Google, INC. é quen decide ao seu exclusivo criterio cal debe ser a experiencia de usuario da plataforma "Google Pay", as medidas de seguridade aplicables ás operacións de pagamento realizadas a través dela, e os métodos de autenticación para estas operacións aplicables en cada momento para poder usar "Google Pay".
11. Modificacións nos termos e condicións do servizo "Google Pay"
A prestación do servizo "Google Pay" realizarase nas condicións que se establecen nos presentes termos e condicións.
Con todo, ABANCA poderá modificar estes termos e condicións mediante unha comunicación individual a Vde., cunha antelación mínima de dous meses á entrada en vigor. As modificacións poderán ter efectos inmediatos se supuxesen unha mellora para Vde., ou se resultan motivadas en decisións de Google como provedor da plataforma "Google Pay".
Para poder continuar usando o servizo "Google Pay", Vde. deberá introducir no dispositivo compatible os factores de autenticación que en cada caso se requiran, consonte o establecido en cada momento nos contratos de tarxeta que ten subscritos con ABANCA. Se Vde. non aceptase as modificacións, non poderá continuar usando o servizo "Google Pay" e deberá darse de baixa no servizo dando de baixa as súas tarxetas ABANCA en "Google Pay".
Así mesmo, ABANCA manterá o dereito de deixar de ofertar a inclusión das súas tarxetas no servizo "Google Pay", como consecuencia (ou non) de modificacións introducidas por Google na plataforma.
12. Protección de datos e seguridade
O uso das tarxetas ABANCA a través do servizo "Google Pay" implica a transmisión electrónica de información persoal a través de conexións con terceiros.
ABANCA non ten ningún control sobre estas conexións e polo tanto non pode garantir a privacidade ou seguridade da transmisión dos datos, polo que Vde. debe informarse sobre as prácticas de privacidade e seguridade do seu provedor de dispositivos compatibles e provedor de servizos de rede.
Para prestarlle o servizo de pagamento mediante a tarxeta, ABANCA tratará os seus datos de carácter persoal como emisor das tarxetas integradas no dispositivo compatible, consonte os termos e condicións do contrato de emisión de tarxetas asinado entre Vde. e ABANCA.
Vde. poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación e portabilidade mediante un escrito dirixido ao Servizo de Atención ao Cliente de ABANCA na rúa Santo Andrés 135-137, planta baixa, 15003 - A Coruña ou mediante un correo electrónico ao enderezo atencioncliente@abanca.com. Para máis información sobre tales dereitos, como exercitalos e, en xeral, a política de privacidade de ABANCA: https://www.abanca.com/es/legal/politica-privacidad
ACCESO AOS DATOS DE PAGAMENTO POLO TITULAR DE "GOOGLE PAY": o servizo de integración e operatividade da tarxeta de ABANCA a través do dispositivo compatible, que lle presta o titular de "Google Pay", supón o tratamento dos datos de pagamento por medio da aplicación "Google Pay" consonte unhas condicións xerais alleas a ABANCA.
Lea atentamente as condicións de "Google Pay" que aceptou cando a instalou no seu dispositivo compatible e cando agregou as súas tarxetas de ABANCA nesta aplicación, co fin de coñecer as condicións do tratamento dos datos por parte do seu titular, así como a forma de exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación e portabilidade que lle garante a lei.
ABANCA non lle pode prestar ningunha garantía nin responsabilidade respecto do tratamento de datos que leva a cabo o titular de "Google Pay".
13. Marcas
Google, Google Pay, entre outras, son marcas rexistradas de Google, INC., rexistradas en EE.UU. e noutros países.
14. Notificacións
As canles entre o cliente e ABANCA para os efectos de notificacións respecto ao uso do servizo "Google Pay" son as seguintes:
- A propia aplicación Google Pay.
- O teléfono de atención ao cliente de ABANCA: 981910522
- A aplicación de Banca Móbil de ABANCA.
15. Lexislación
Os presentes termos e condicións serán interpretados e cumpridos nos seus propios termos e, no non previsto, rexeranse pola lexislación española na materia, axustándose a esta as obrigas e responsabilidades das partes.
16. Foro
O foro aplicable será o previsto no correspondente contrato de emisión das tarxetas de ABANCA dadas de alta no servizo "Google Pay".